Tuesday 14 de May de 2024

Un total de 21 alumnos e alumnas de 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame celebran o seu acto de gradación


 

Un total de 21 rapaces e rapazas de 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro (Lousame), vinte presentes e un por videoconferencia, celebraron esta mañá o seu acto de gradación e despedida do centro despois de 13 anos nel. Un emotivo acto ao que asistiu a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, que estivo acompañada pola directora do centro, Pilar Cobas, así como por case un cento de persoas, entre profesorado, familiares e alumnado doutros cursos.

Silvia Agrafojo foi a encargada de abrir o acto, que tivo lugar no ximnasio do CPI Cernadas de Castro. A concelleira agradeceu o traballo levado a cabo polas familias e polo profesorado na formación destes 21 rapaces e rapazas aos que dixo que “estamos moi orgullosos de todos vós e encantados de poder celebrar convosco este día tan especial”.

Aínda que “o mellor aínda está por chegar”, Pilar Cobas felicitou ao alumnado por “esta meta que acabades de conseguir: graduarvos en Educación Secundaria Obrigatoria e, polo tanto, ter o voso primeiro título oficial que esperamos que sexa o primeiro de moitos máis”. A directora tamén agradeceu o traballo das familias pois “aínda que o éxito é dos rapaces e rapaces, unha parte importante do mesmo reside nas persoas que tendes cerca no día a día: as vosas familias e o profesorado”.

Finalmente, Cobas Cajuso animou aos novos graduados a asumir “unha actitude emprendedora para afrontar os novos retos que vos esperan. O esforzo, a constancia e a perseverancia serán as claves para conseguir todo aquilo que vos propoñades. Non deixedes nunca de aprender”.

O acto incluíu a proxección de dous vídeos recompilatorios tanto do último ano como dos 13 anos de estancia no colexio e rematou cunha emotiva entrega de diplomas e unha foto de grupo a todos os graduados/as, que responderon cunha flor e un brócoli a modo de ramo para cada un dos seus profesores e profesoras.